Cómpre que as persoas que traballan interpretando no eido sanitario estean familiarizadas co funcionamento do Sistema Nacional de Saúde, para así mellorar os resultados da súa interpretación. Tamén é imprescindible que dispoñan de coñecementos acerca dos documentos máis habituais que se manexan nestes contextos e coñezan a quen está destinada principalmente esta interpretación: inmigrantes e refuxiadas/os. Todos estes detalles trataranse a continuación.
O contexto sanitario español
Descrición do sistema sanitario
Coa Lei xeral de sanidade de 1986 creouse o Sistema Nacional de Saúde (SNS), que constitúe “el conjunto de los servicios de salud de las Comunidades Autónomas convenientemente coordinados”; no caso das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, é o Instituto Nacional de Gestión Sanitaria o encargado de xestionar todas estas prestacións. O SNS de España caracterízase por ser gratuíto, accesible e universal, e conta con dous documentos esenciais:
- Tarxeta sanitaria: documento individual que concede a quen sexa titular os dereitos de asistencia sanitaria e de prestación farmacéutica. Inclúe datos como o nome e os apelidos, o DNI, o número de afiliación á Seguridade Social etc.
- Historia clínica: documento no que figura toda a información dun/ha paciente dende o punto de vista médico (doenzas, menciñas etc.). A existencia dunha Historia Clínica Dixital do SNS (a Historia Clínica Electrónica no SERGAS, o SERvizo Galego de Saúde) permite a consulta deste documento independentemente do lugar de España (Galicia) no que se atope a/o paciente.
Outro aspecto clave do SNS é a división administrativa do territorio nas chamadas «áreas de saúde», denominación que varía en función da comunidade autónoma na que se atopen. Nelas, ofrécese atención de tres tipos:
- Atención primaria: dispoñible en centros de saúde, caracterízase por unha atención de nivel básico para doenzas frecuentes. É a modalidade á que máis recorre o colectivo inmigrante.
- Atención especializada: ofrécese en hospitais e conta con especialistas en diferentes áreas da medicina (traumatoloxía, xinecoloxía, etc.). Distínguese entre réxime de internamento (consultas) e réxime externo (urxencias).
- Atención sociosanitaria: é a atención que se lles proporciona a persoas que sofren enfermidades crónicas, como casos de rehabilitación ou diálise, entre outros.
A inmigración e o sistema sanitario
Como xa se dixo, o sistema sanitario español é universal e gratuíto; non obstante, moitas das persoas que chegan a España non están familiarizadas coas características deste sistema, de aí a importancia de explicarlles a lexislación vixente e os requisitos esixidos.
Na Lei de estranxeiría recóllese o dereito a asistencia sanitaria de todas as persoas estranxeiras que se atopen en España. Non obstante, este dereito varía en función da pertenza a un ou outro dos seguintes grupos:
- Persoas estranxeiras inscritas no padrón: teñen os mesmos dereitos que calquera persoa coa cidadanía española no relativo á atención sanitaria.
- Menores de idade: tamén teñen os mesmos dereitos.
- Embarazadas: teñen estes dereitos durante o embarazo, o parto e o posparto.
- Outros: soamente teñen dereito a recibir atención sanitaria de urxencia.
En canto aos requisitos necesarios, o primeiro deles é, como xa se indicou, empadroarse no seu concello, pois isto concede o dereito a dispor dunha tarxeta sanitaria. Cabe salientar, non obstante, que moitos inmigrantes non realizan este trámite, xa sexa por descoñecemento ou por medo á deportación.
A pesar de todo, un estudo levado a cabo en 2001 pola Universidad Autónoma de Madrid mostra que case dous terzos do colectivo inmigrante acoden a un centro de saúde como primeira opción en caso de doenza.
A interpretación no eido sanitario
O dereito a intérprete
Malia que non exista ningunha lei que estableza explicitamente o dereito a intérprete no eido sanitario, este pódese inferir do estipulado na Lei orgánica 8/2000: «los extranjeros que se encuentren en España inscritos en el padrón del municipio en el que tengan su domicilio habitual, tienen derecho a la asistencia sanitaria en las mismas condiciones que los españoles». Se o/a paciente non domina a lingua española (ou galega na nosa comunidade), non se atoparía nas mesmas condicións, polo que a presenza de alguén que interprete sería indispensable.
O código deontolóxico
As seguintes recomendacións, extraídas do código deontolóxico da California Healthcare Interpreting Association, poderíanse aplicar a calquera intérprete do eido sanitario:
- Confidencialidade: agás en casos excepcionais, quen interprete non poderá divulgar a información que reciba durante o exercicio do seu labor.
- Imparcialidade: quen interpreta non debe amosar inclinación cara ningunha das partes que interveñan no proceso.
- Respecto polas persoas e as súas comunidades: quen interprete debe amosar respecto cara ambas partes e tratar de salvar posibles barreiras de comunicación entre elas.
- Profesionalidade e integridade: quen interprete debe manter unha actitude profesional cara ambas partes e debe vestir de maneira axeitada.
- Precisión: é indispensable reproducir tanto o contido coma a forma da mensaxe orixinal.
- Sensibilidade cultural: quen interprete debe coñecer e saber identificar as diferenzas culturais que poida haber entre ambas partes.
- Toma de decisións éticas: no eido sanitario, poden darse conflitos éticos entre o obxectivo de garantir o benestar da ou do paciente e o respecto ao código deontolóxico. Nestes casos, a persoa que interpreta debe ser capaz de identificar, analizar e valorar a situación para tomar unha decisión acertada.
Impacto emocional e estrés
As difíciles situacións nas que se pode chegar a atopar o persoal que interpreta no eido sanitario (por mor das historias que teñen que escoitar e verbalizar) fan que aumente o nivel de estrés inherente a calquera tipo de interpretación. Por este motivo, segundo afirma Valero, é importante que estas persoas reciban un adestramento específico baseado en:
- Información sobre momentos difíciles que poida ocasionar a empatía de quen interpreta cara quen fala.
- Adestramento psicolóxico acerca de cuestións como o estrés ou a ansiedade.
- Información acerca das causas do estrés.
- Estratexias para superar o estrés.
Cabe salientar, dentro deste apartado, a Síndrome de Ulises ou Síndrome do Inmigrante con Estrés Crónico e Múltiple, descuberta en 2002 polo psiquiatra Joseba Achotegui e denominado así polo protagonista da Odisea de Homero. Esta síndrome, que en 2003 afectaba ao 15% do colectivo inmigrante, orixínase polo estrés causado pola emigración, e os seus síntomas son similares aos do estrés e a ansiedade.
A densidade terminolóxica
A interpretación no eido sanitario caracterízase por un alto grao de densidade terminolóxica, o que, sumado á xerga especializada que adoita empregar o equipo médico, constitúe unha importante dificultade engadida. Así mesmo, convén ter presente que a maioría das persoas que interpretan non recibiron formación en medicina, polo que non están familiarizadas coa terminoloxía empregada ou os conceptos tratados, e que moitas das doenzas ás que se fan referencia son propias do país de orixe da/o paciente e non son frecuentes en España.
Así pois, semella que a mellor estratexia é unha documentación previa por parte de quen interpreta; non obstante, isto non sempre é posible xa que, en moitas ocasións, nin sequera sabe de que doenza se vai falar en cada situación, o que crea unha sensación de incerteza. Ante esta tesitura, o ou a intérprete deberá aclarar os conceptos dubidosos co persoal facultativo sanitario para poder así facilitar a comunicación entre ambas partes.
Intérpretes ad hoc
Nalgúns casos, en lugar de recorrer a intérpretes profesionais, quen desempeñan labores de interpretación no eido sanitario son «mediadores sin formación específica en interpretación, otros profesionales bilingües, voluntarios que se ofrecen para prestar el servicio de manera esporádica, voluntarios que colaboran con ONG o familiares o amigos de los pacientes (incluyendo a niños)» (Morera Montes et ál., 2009).
A falta de formación destas persoas afecta á calidade das súas interpretacións, pois cometen un gran número de erros, entre os que salienta o feito de excederse no seu papel de intérpretes. Así mesmo, pode haber problemas cos principios de neutralidade e de confidencialidade. Por estes motivos, a pesar das súas presuntas vantaxes (por exemplo, en materia económica), trátase dun recurso que cómpre evitar para garantir a comunicación en situacións onde un erro pode ter consecuencias desastrosas.
Técnicas e modalidades de interpretación neste eido
Dúas das técnicas máis habituais na interpretación no eido sanitario son a interpretación de enlace e a tradución á vista.
A interpretación de enlace é, con diferenza, a máis común neste eido. Posúe certas características propias, xa mencionadas no apartado de técnicas de interpretación, como son a súa natureza bidireccional, a improvisación do discurso orixinal ou a importancia da comunicación non verbal. Trátase dunha técnica que goza de menor prestixio que a interpretación consecutiva.
Dentro desta técnica, pódense distinguir tres modalidades, todas elas presentes no eido sanitario: a interpretación presencial, a interpretación telefónica e a interpretación por videoconferencia.
A interpretación presencial caracterízase pola presenza física de quen interpreta, que adoita colocarse en posición triangular con respecto ás partes que dialogan. Esta modalidade ofrece importantes vantaxes, xa que evita os problemas técnicos derivados da interpretación a distancia. Non obstante, tamén presenta certos inconvenientes, como a dificultade de dispor de intérpretes presenciais en todas as linguas posibles ou o feito de que a este tipo de intérpretes se lles esixan tarefas non relacionadas coa interpretación.
A interpretación telefónica comezou a gañar popularidade nos anos oitenta e noventa. Entre as súas vantaxes inclúense unha gran dispoñibilidade de intérpretes de múltiples linguas, un menor custo e unha maior garantía de confidencialidade e imparcialidade. En canto aos inconvenientes, salientan a perda da información non verbal e os problemas técnicos que poidan xurdir.
Finalmente, a interpretación por videoconferencia conta coas mesmas vantaxes que a interpretación telefónica, entre as que se inclúen un menor custo e unha maior dispoñibilidade, e a estas engádeselles o aumento da visibilidade de quen realiza a interpretación. Os inconvenientes tamén son similares, aínda que a perda de información non verbal é menor.
Saíndo xa do eido da interpretación de enlace, outra técnica moi empregada no contexto sanitario é a tradución á vista, na que se traducen oralmente textos escritos. Recórrese a ela para a tradución de certos documentos, como consentementos informados, historias clínicas etc.
Finalmente, cabe salientar o Universal Doctor Project, un software multilingüe dispoñible para ordenador e para móbil que fundou Jordi Serrano Pons e que conta cun corpus composto de frases, preguntas e respostas traducidas a varios idiomas. Todos estes elementos tamén teñen audio incorporado. Este proxecto segue a mellorar a día de hoxe e entre as súas vantaxes inclúense a dispoñibilidade 24 horas, a confidencialidade e o seu baixo custo; entre os seus inconvenientes, cabe mencionar a posibilidade de non atopar a información procurada ou a necesidade dun certo grao de alfabetismo por parte dos e das pacientes.