Conceptos clave do eido policial
Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
Consonte a Lei orgánica 2/1986, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado encárganse do mantemento da seguridade pública. As persoas que as integran deben cooperar entre si e rexerse por unha serie de principios básicos, recollidos no artigo 5 da devandita lei:
- Adecuación ao ordenamento xurídico: entre outras cosas, deben respectar toda a lexislación española e actuar con imparcialidade e integridade.
- Relacións coa comunidade: deberán tratar correctamente e protexer á cidadanía, entre outras funcións.
- Tratamento das persoas detidas: deben «identificalas debidamente», respectalas e protexelas.
- Dedicación profesional: deben intervir cando sexa preciso, aínda que non se atopen de servizo.
- Segredo profesional: por norma xeral, deberán manter a confidencialidade.
- Responsabilidade: deben responsabilizarse dos seus actos.
Consonte a citada lei, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado teñen diversas funcións, entre as que se inclúen a de «velar por el cumplimiento de las Leyes y disposiciones generales», a de «auxiliar y proteger a las personas» e a de «prevenir la comisión de actos delictivos». Así mesmo, dentro deles inclúense dous corpos que presentan funcións específicas: o Corpo Nacional de Policía e a Garda Civil.
O Corpo Nacional de Policía formouse a partir da fusión do Corpo Superior de Policía e a Policía Nacional. Entre as súas funcións, consonte a lei, están a «expedición del Documento Nacional de Identidad», «el control de entrada y salida del territorio nacional de españoles y extranjeros» e «la investigación y persecución de los delitos relacionados con la droga», entre outras. Este corpo conta cunha serie de brigadas, entre as que cabe mencionar a Brigada BEDEX (Brigada de Expulsiones de Delincuentes Extranjeros), que se formou en 2009 para repatriar a aquelas persoas estranxeiras que delincan de xeito reincidente ou comentan delitos de especial gravidade. A expulsión implica que estas non poderán entrar en ningún país membro do Acordo de Schengen nun período de dez anos.
En canto á Garda Civil, trátase dun corpo militar vinculado a varios ministerios que data de mediados do século XIX e as súas funcións inclúen «el resguardo fiscal del Estado» e «la vigilancia del tráfico», entre outras.
O sistema penitenciario
No artigo 1 da Lei xeral penitenciaria establécese que dous dos obxectivos principais do sistema penitenciario son «la reeducación y la reinserción social» e «la retención y custodia». En España hai actualmente cerca de 160 centros penitenciarios e a presenza de persoas estranxeiras nestes centros experimentou un aumento nos últimos anos; consonte o INE, en 2010, aproximadamente o 27,9% das persoas que foron condenadas non eran de nacionalidade española. Moitas destas coñecen soamente a súa lingua nativa, polo que a presenza de intérpretes neste eido é indispensable.
Ademais dos cárceres, existen en España os Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE), non penitenciarios, nos que se reteñen a aquelas persoas estranxeiras que se atopen en trámites de ser expulsadas do país. Esta retención deberá ser o máis breve posible e no poderá exceder os 60 días de duración.
Un dos principais problemas que presentan os CIE na actualidade é a retención conxunta do colectivo estranxeiro que delinquiu con aquel que non o fixo, unha situación que suscitou grandes polémicas. Aínda que agora mesmo están a cargo do Ministerio do Interior, está previsto que estes centros pasen a ser xestionados polas ONG.
Dereito de asilo
Consonte a Lei 12/2009, este dereito é unha protección que se ofrece a quen ostente a condición de persoa refuxiada, concedida a «toda persona que, debido a fundados temores de ser perseguida […], se encuentra fuera del país de su nacionalidad y no puede o, a causa de dichos temores, no quiere acogerse a la protección de tal país». Así mesmo, pódese outorgar un dereito chamado «protección subsidiaria» a aquelas persoas que se enfronten a determinadas circunstancias no seu país de orixe, entre as que se inclúen a condena a morte e as ameazas graves. A concesión do dereito de asilo implica a autorización dunha permanencia provisional en España e tamén certos dereitos, entre os que se atopa o dereito a interpretación.
A interpretación no eido policial
Lexislación
A continuación recóllense algunhas das principais leis que regulan o labor interpretativo no eido policial, clasificadas en función da súa proveniencia e do seu conseguinte eido de aplicación. Cabe salientar, non obstante, que moitas destas leis se adscriben máis ben ao eido da interpretación xudicial e non tanto á interpretación policial. A maioría das referencias tomáronse da obra de Ortega Herráez (2011).
Lexislación procedente da Organización das Nacións Unidas:
- Declaración universal de dereitos humanos: data de 1948, consta de 30 artigos e nela recóllense os principios fundamentais nos que se deben basear todas as demais leis. Nos seus artigos 8 e 10 conteñen referencias ao «dereito a un recurso efectivo» e ao «dereito a ser ouvida publicamente e con xustiza», o que implica en determinados casos a presenza de alguén que interprete.
- Pacto internacional de dereitos civís e políticos: recolle o dereito que ten calquera persoa «a ser asistida gratuitamente por un/ha interprete, se non comprende ou non fala o idioma empregado no tribunal» no seu artigo 14.
Lexislación procedente da Unión Europea:
- Convenio europeo de dereitos humanos: o seu artigo 6 establece algo moi similar ao indicado no Pacto internacional de dereitos civís e políticos.
- Libro verde sobre garantías procesais para persoas sospeitosas e inculpadas en procesos penais na Unión Europea: no seu apartado 5 exponse unha serie de reflexións acerca da necesidade de contar coa presenza dun/ha intérprete. Distínguese claramente entre tradución e interpretación e faise fincapé na importancia tanto da gratuidade do servizo para as persoas inculpadas coma da formación para intérpretes.
- Directiva 2010/64/EU do Parlamento Europeo e do Consello do 20 de outubro de 2010: xurdiu a raíz das propostas do Libro verde e o seu eido de aplicación comeza no momento en que unha persoa é considerada sospeitosa, polo que é pertinente para a interpretación no eido policial. Nela menciónase o dereito a dispor do servizo dun/ha intérprete, mais salientan especialmente dúas referencias que se fan ao control da calidade nos procesos de tradución e interpretación, e respecto á confidencialidade por parte dos e das profesionais. Tamén menciona o importante que é que o persoal que traballa no eido xudicial se familiarice coas circunstancias inherentes ao traballo con intérpretes. Con todo, neste apartado non se inclúen as forzas e corpos de seguridade.
Lexislación de España:
- Constitución española: o seu artigo 17.3 establece «[t]oda persona detenida debe ser informada de forma inmediata, y de modo que le sea comprensible, de sus derechos y de las razones de su detención», do que se desprende que a presenza de alguén que interprete pode ser indispensable en certos casos.
- Lei orgánica 4/2000 (Lei de estranxeiría): no seu artigo 20 estipúlase que, ante determinados «procesos administrativos o judiciales», as persoas estranxeiras «tendrán derecho a la presencia de un intérprete si no comprenden o hablan la lengua oficial que se utilice».
- Lei de axuizamento criminal (LACrim): esta lei data de finais do século XIX e o artigo 441, adicado ás/aos intérpretes, está totalmente desfasado, xa que estipula que, en ausencia dun «intérprete titulado», poderá exercer este labor calquera persoa que domine a lingua pertinente.
Lexislación de Reino Unido:
- Police and Criminal Evidence Act 1984 (PACE): nela establécese a creación dunha serie de códigos de prácticas de entre os cales salienta o Code C: Code of Practice for the Detention, Treatment and Questioning of Persons by Police Officers. A sección 13 deste código está adicada a quen se encarga de interpretar e estipula unha serie de normas que cómpre sinalar: a necesidade da presenza dun/ha intérprete se as circunstancias o requiren ou ben se o solicita a persoa interrogada; a obriga que ten quen interpreta de transcribir a conversa se esta non está a ser gravada; a realización de traducións xuradas de todas as declaracións, que se transcribirán na lingua orixinal, e a gratuidade do servizo para o acusado ou a acusada, entre outras disposicións. Este código aplícase tamén a quen interpreta lingua de signos.
Lexislación dos Estados Unidos:
- Constitución dos Estados Unidos: Dueñas González et ál. (2001: 100-101) fala da necesidade de contar con intérpretes que se desprende dalgunhas das emendas desta Constitución. É o caso da Quinta emenda, que afirma que “«n]o person shall be compelled in any criminal case to be a witness against himself», ou a Sexta emenda, na que se estipula que o acusado ou a acusada ten dereito «to be informed of the nature and cause of the accusation». Como sosteñen as autoras, estas disposicións non se poderán cumprir se a persoa acusada non ten un dominio mínimo da lingua inglesa.
Lexislación de Australia:
- Crimes Act 1914: nesta lei fanse varias referencias directas ao labor interpretativo. Así, por exemplo, na sección 23J establécese a necesidade de crear unha lista de persoas interesadas en desempeñar esta actividade; na 23N, alúdese ao dereito a contar coa asistencia dun/ha intérprete cando cumpra, e na 23YDA estipúlanse as situacións nas que se realizará este servizo.
- Criminal Code Act 1995: de novo, establécese o dereito a contar cun/ha intérprete e especifícanse determinadas situacións nas que é necesaria a súa presenza. Tamén se fan referencia a cuestións de vital importancia como son a confidencialidade e a fidelidade.
A situación das e dos intérpretes en España e outros países
Na actualidade, a Dirección Xeral da Policía conta cun servizo de Tradución e Interpretación con persoal funcionario. Non obstante, existen outras vías para traballar como intérprete policial en España:
- A Policía conta cun sistema de licitacións públicas. Este sistema recibiu numerosas críticas, tanto pola mala calidade dalgúns dos servizos coma polas baixas tarifas pagadas ás e aos intérpretes.
- Tanto a Policía coma a Garda Civil contan con concursos-oposición a persoal laboral.
- Realízanse tamén contratacións de persoal interino a prazas vacantes.
- Na Garda Civil existe, así mesmo, a posibilidade de traballar como intérprete free lance.
-
En canto ás Institucións Penitenciarias, todo o seu corpo de intérpretes é persoal laboral interino.
En canto a Reino Unido, este país conta cun rexistro de intérpretes denominado National Register for Public Service Interpreters (NRPSI), no que se inscribiron máis de 2000 profesionais. Así mesmo, a todas aquelas persoas que o integren e queiran acadar a categoría full status dentro deste rexistro esíxeselles que posúan algún tipo de credencial válida, como pode ser o Diploma in Public Service Interpreting. Polo que respecta a quen interpreta no eido policial, existe unha Association of Police and Court Interpreters e tamén unha categoría denominada Police & Court Interpreter Member dentro do Institute of Translation and Interpreting.
Nos Estados Unidos, existe a asociación NAJIT (National Association of Judiciary Interpreters & Translators) que, na súa páxina web, aclara que o concepto de judiciary interpreter abrangue tanto a quen desempeña o seu labor no eido xudicial coma a quen o fai noutros contextos, entre os que se inclúen as comisarías de policía. Esta asociación concede o certificado chamado National Judiciary Interpreter and Translator Association. Non existe neste país un rexistro de intérpretes, agás no caso de intérpretes de lingua de signos.
Finalmente, en Australia está o Industry Reference Group, formado por:
- AUSIT (Australian Institute of Interpreters and Translators): asociación independente fundada en 1987 que conta co seu propio código deontolóxico.
- ASLIA (Australian Sign Language Interpreters Association)
- WAITI (Western Australian Institute of Interpreters and Translators)
Salienta tamén NAATI (National Accreditation Authority for Translators and Interpreters), que depende do goberno de Australia mais colabora tamén con AUSIT. Consonte a súa páxina web, a credencial que ofrece, á que se pode acceder por diferentes vías, é a única aceptada oficialmente no país. Esta credencial concédese a diferentes niveis.
Características da interpretación no eido policial e penitenciario
Na actualidade, pódese dicir que a interpretación nos servizos públicos, no seu conxunto, está a vivir un momento de auxe en canto aos seus niveis de recoñecemento e de consolidación como profesión, grazas, en gran medida, ao crecente número de investigacións realizadas neste eido nos últimos anos. Non obstante, cabe salientar que moitos destes estudos acusan certas deficiencias, entre as que salienta o seu carácter eminentemente descritivo. Así mesmo, cabe sinalar que a tradicional posición de desprestixio na que se adoita encontrar esta modalidade (fronte a outras como a interpretación de conferencias) é aínda máis flagrante no caso concreto da interpretación no eido policial e penitenciario, a pesar do seu carácter indispensable nos distintos contextos nos que ten lugar.
E cales son estes contextos nos que se adoita desenvolver a interpretación? Combinando as propostas de Hale (2007) e Olalla (2006), pódense chegar á seguinte clasificación:
- Interrogatorios: as partes implicadas son a/o policía, a persoa interrogada e a encargada da interpretación. Entre as dúas primeiras adoita ser inevitable que haxa un certo antagonismo, a causa da propia posición de quen interroga, ben que todo se desenvolva nun contexto non excesivamente formal.
- Toma de declaracións: as partes implicadas son a/o policía, a testemuña e quen interpreta, e neste caso as dúas primeiras adoitan manter unha relación neutral. O grao de formalidade é similar ao dos interrogatorios.
- Entrevistas con avogados/as: as partes implicadas son a/o avogada/o, a/o cliente e a/o intérprete e, neste caso, a tensión que puidese haber nos anteriores escenarios adoita diminuír considerablemente.
- Pescudas policiais: dentro deste apartado, Olalla (2006, 241-242) destaca tres posibles actividades:
- Tradución de documentación: que implica uns coñecementos da linguaxe xudicial e policial. Poderá estar suxeita a revisións.
- Entrevistas con persoas físicas: como as mencionadas anteriormente.
- Observacións telefónicas: que se levan a cabo «dentro dun marco legal» e sempre con autorización xudicial.
E cales son as principais dificultades que entraña o labor da interpretación policial?
- Traballo con diferentes profesionais: a cooperación con persoas que poden non estar familiarizadas cos procesos inherentes á interpretación pode presentar certos problemas, como recolle o estudo de Perez e Wilson (2007).
- Escenarios laborais: o labor de interpretación do eido policial e penitenciario pódese desenvolver en multitude de contextos, o que pode provocar unha sensación de incerteza. Así mesmo, estes ambientes caracterízanse por ser menos acolledores que os que se pode atopar un/ha intérprete de conferencias, o que supón unha dificultade engadida.
- Terminoloxía específica: a terminoloxía específica é unha constante nos distintos eidos da interpretación, mais no caso do eido policial e penitenciario resulta especialmente complexa, xa que o léxico case xudicial empregado polas forzas de seguridade contrasta coa «terminoloxía delitiva», unha especie de xerga empregada por algunhas persoas que delinquen. Este argot caracterízase por:
-
Un rexistro coloquial, co uso dunha gramática simple.
-
Falta de univocidade, xa que a polisemia permite dotar a linguaxe dunha maior opacidade a ouvidos de interlocutores/as alleos/as.
- Utilización de códigos ad hoc que cómpre desencriptar.
-
Así mesmo, convén sinalar que estas linguaxes evolucionan a gran velocidade, polo que é importante que a persoa adicada á interpretación renove os seus coñecementos constantemente para poder garantir a comprensión da mensaxe.
- Estrés: o estrés pode afectar a calquera persoa que exerza unha actividade interpretativa e, no caso da interpretación nos servizos públicos (e, por extensión, no eido policial) non fai senón aumentar. Segundo Valero (2006), existen distintas variables (persoais, situacionais e contextuais) que poden influír no nivel de estrés, e unha das súas consecuencias máis destacables é o denominado «trauma del vicario» (2006: 145), derivado da empatía que pode sentir quen interpreta cara as historias narradas por quen emite a mensaxe.
Técnicas e modalidades
Na interpretación nos eidos policial e penitenciario conviven diversas técnicas, ás que se recorre en función das circunstancias de cada caso:
- Interpretación de enlace: é a máis habitual por mor do carácter conversacional da maioría dos procesos comunicativos nestes eidos. Pode darse, como xa se mencionou, en interrogatorios, tomas de declaracións, etc.
- Interpretación consecutiva: produciríase cando as intervencións dunha interpretación de enlace se volveran moi extensas e a toma de notas se volvera case indispensable.
- Interpretación simultánea: emprégase de xeito illado, principalmente nas xa mencionadas observacións telefónicas. A falta de información non verbal pode supor unha dificultade engadida nestes casos.
- Chuchotage: trátase dunha técnica usada con pouca frecuencia, mais poden darse algunhas situacións nas que sexa necesaria.
- Tradución á vista: a tradución oral de textos escritos pode ser necesaria para a comprensión de certos documentos relevantes, cuxa terminoloxía debe coñecer quen interpreta.
En canto ás modalidades de interpretación, pódense identificar dous grandes grupos:
- Interpretación presencial: intérprete e interlocutores/as atópanse no mesmo espazo comunicativo.
- Interpretación non presencial: inclúe as submodalidades de interpretación telefónica e interpretación por videoconferencia, que presentan a desvantaxe de implicaren certa perda de información verbal.
Perfil da persoa que interpreta
O carácter multidisciplinar do labor da persoa que interpreta nos eidos policial e penitenciario fai que as súas distintas competencias e características conformen un mosaico ecléctico e de difícil categorización. Fowler (2003: 207) establece un listado de tarefas e habilidades que calquera intérprete policial debe cumprir, entre as que destacan o coñecemento das distintas técnicas de interpretación, o dominio da toma de notas, competencias en materia de tradución escrita e a capacidade de procesar varias tarefas ao mesmo tempo.