Interpretación simultánea

(c) WordRidden

Entendemos por interpretación simultánea aquela que se realiza en tempo real, de maneira paralela ao discurso; é dicir, a reformulación que se leva a cabo mentres o/a orador/a está a falar, que supón a superposición do discurso orixinal e a interpretación.

O inicio da existencia da interpretación simultánea como a coñecemos hoxe en día adoita marcarse cos Xuízos de Nuremberg, se ben esta técnica xa se comezara a empregar con anterioridade a estes. A interpretación simultánea é, en calquera caso, a modalidade máis recente, así coma a máis estendida na actualidade: dende hai xa varios anos, a demanda desta técnica foi en aumento, desbancando a outras técnicas como a interpretación consecutiva. Practicamente todas as ocasións formais nas que se reúne un grupo considerable de persoas de diversos países (Tribunal de Xustiza da Unión Europea, reunións da Unión Europea ou a Organización das Nacións Unidas, cumios e congresos internacionais, coloquios cun gran número de público e relatores, etc.) optan pola interpretación simultánea.

Esta técnica sirve de paraugas baixo o cal se recollen varias subtécnicas ou especialidades como o chuchotage ou interpretación bisbada, o relé ou interpretación en cadea, ou a tradución á vista. Ofrecemos más información sobre estas subtécnicas nos apartados correspondentes, en que trataremos de aclarar as diferenzas principais entre elas e con respecto á interpretación simultánea.

As características máis relevantes da interpretación simultánea son o seu carácter de inmediatez e o uso de equipos técnicos. Esta técnica realízase en cabinas pechadas, equipadas con micrófonos, auriculares e gravadoras. Normalmente, e en condiciones ideais, as cabinas estarán dispostas para acomodar a dous ou dúas intérpretes, que se irán roldando no seu traballo, xa que cada intérprete non debería traballar durante máis de media hora ou corenta minutos de maneira continuada. Amais, cómpre que poidan ver con claridade a sala dende a cabina, así coma todos os posibles apoios visuais que use a persoa oradora.

(c) Tim GreenQuen interprete de xeito simultáneo fará un maior uso da memoria a curto prazo e prestará especial atención á súa voz, pois esta é o único punto de referencia que existe entre a idea que a persoa oradora desexa expresar e o público ao que vai dirixida. Amais, ha de coidar que o tempo empregado en facer a reformulación non sexa excesivo, ao ter que producirse a interpretación e o discurso orixinal de forma ata certo punto paralela. Entre o discurso orixinal e a interpretación sempre existirá un certo desfase temporal que poderá variar en función das circunstancias. Este lapso coñécese como décalage, e terase que procurar que sexa o axeitado en todo momento.