Interpretación consecutiva

Como indicamos no apartado sobre historia da interpretación, a interpretación consecutiva naceu de maneira oficial durante a I Guerra Mundial, aínda que é obvio que, con anterioridade, esta técnica xa existía e era empregada de maneira corrente por comerciantes, políticos, embaixadores, etc. De feito, é anterior á simultánea, posto que resulta máis natural agardar a que quen ore termine de falar para comenzar a reformulación do discurso.

En efecto, a interpretación consecutiva é aquela que se realiza tras a intervención total ou parcial da persoa que ora; é dicir, quen interpreta terá que escoitar o discurso ou ben un fragmento do mesmo e, unha vez esta finalice este parlamento, interpretalo á lingua meta.

(c) brokenarts

A interpretación consecutiva é, xa que logo, unha técnica que require un grande esforzo de memoria e unha gran capacidade de ilación do discurso. Como apoio para a súa memoria a longo prazo, quen interpreta deberá tomar notas que funcionen como detonantes da memoria. A toma de notas constitúese así como a principal estratexia da interpretación consecutiva, que é imprescindible dominar. Para iso, non só precisará un bloque de notas e un bolígrafo, senón un profundo coñecemento das abreviacións, os símbolos e outros recursos que permiten tomar as notas axiña e de maneira eficaz, así coma unha gran capacidade de analizar a estrutura, a cohesión e a articulación do discurso, tanto para poder tomar notas do discurso orixinal, retelo e comprendelo, coma para producir o seu discurso en lingua meta a posteriori. Podedes atopar información e exercicios sobre a toma de notas na sección que lle corresponde dentro do menú Exercicios preinterpretación. Amais, nesa mesma sección hai exercicios para practicar a capacidade de analizar e estruturar os discursos, alén de moitos outros que son igualmente relevantes para quen realiza a interpretación.

A interpretación consecutiva se leva a cabo de cara ao público receptor do discurso, polo que a presenza física da persoa que interpreta debe ser axeitada ao contexto do evento: quen interpreta non debe facerse notar, debe elixir unha vestimenta correcta para cada ocasión, evitar os xestos teatrais, modular a súa voz e permanecer nun segundo plano. Deste xeito evitará que a atención recaia sobre a súa persoa, situación non desexada, posto que o protagonismo da ocasión debe ser sempre para o orador ou oradora.

Esta técnica emprégase principalmente en conferencias, ante os tribunais e en roldas de prensa, así coma en lugares que non contan co equipo preciso para a interpretación simultánea.