Modalidades

(c) WordRiddenmodalidade é a situación na que se desenvolve o traballo da persoa que interpreta, o seu eido de traballo: en conferencias, ante os tribunais, en situacións sociais… A pesar de que existen numerosas modalidades, nesta plataforma centrarémonos na Interpretación nos Servizos Públicos ou ISSPP.

A Interpretación nos Servizos Públicos é aquela que se realiza entre quen prové un servizo dunha institución pública (sanidade, educación, xustiza e tantos outros) e unha persoa que precisa do acceso a ese servizo, mais que non coñece ou non entende a lingua oficial abondo e, polo tanto, pode atoparse nunha situación de indefensión.

As situacións en que se fai precisa a presenza de alguén que interprete no marco da prestación de servizos públicos son cada vez máis frecuentes e numerosas, debido ao multilingüismo e á multiculturalidade que caracterizan a moitas sociedades contemporáneas, á globalización e ao aumento da inmigración. Con todo, e malia a súa importancia, a ISSPP non se recoñece como unha profesión na maior parte dos países receptores de inmigrantes ou ben non se lle outorga o recoñecemento e o valor que lle corresponderían. Por iso, nesta plataforma decidimos centrarnos en proporcionar recursos e información para esta modalidade en concreto, como se explica na páxina de inicio. Dentro da interpretación nos servizos públicos, centrámonos en catro eidos en concreto: a interpretación social, a interpretación sanitaria, a interpretación xudicial e a interpretación en centros policiais e penitenciarios. Ademais, tamén trataremos sobre a interpretación no ámbito dos negocios. Nos apartados correspondentes do menú inclúense información e materiais de utilidade para cada un destes eidos: orixes, definición, contexto legal, material de apoio e referencia, recursos de carácter práctico e moito máis. Esperamos que a plataforma poida ir ampliándose no sucesivo, para así poder chegar a máis eidos en que ocorre a ISSPP e incluír outros contextos en que se emprega a interpretación de enlace.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram