Historia

Antigüidade

Malia as escasas fontes existentes ao respecto, sábese que a interpretación existe xa dende a Antigüidade; de feito, a primeira mención a esta profesión remóntase ao terceiro milenio a. C. e atópase nunhas inscricións dos monumentos funerarios do principado de Elefantina. En Exipto e no Imperio Persa existían tamén persoas que interpretaban e incluso un xeróglifo para designar esta realidade. Tamén en Grecia e en Roma existía a actividade da interpretación.

(c) quil

Idade Media

Na Idade Media salienta a actividade que se desenvolveu nas escolas de tradución, como a Escola de Tradutores de Toledo, nas que se realizaban a miúdo versións orais. Así mesmo, no marco das Cruzadas, precisouse a intervención de intérpretes, a quen se lles denominaba «dragomanes», ata o punto de que hai autores e autoras que consideran este momento como o nacemento da interpretación diplomática moderna.

Las Siete Partidas

Idade Moderna

Na Idade Moderna, en España, as persoas que interpretaban desempeñaron un importante papel nos grandes descubrimentos dos séculos XV e XVI. Cabe salientar que xa dende os séculos XVI e XVII se foron establecendo normas no relativo a quen interpretaba no continente americano, mentres que a primeira Real Orde aplicable á Península Ibérica non aparecería ata o ano 1783.

Ao longo do século XIX fóronse sucedendo normas que regularían a actividade da interpretación xurada. Tamén nesta época comezou a cobrar importancia a interpretación no eido diplomático e político, e déronse a coñecer cada vez máis os nomes das e dos profesionais, deixando atrás por primeira vez o anonimato.

(c) wallyg

A aparición da interpretación de conferencias

Consonte sinala Baigorri no seu libro La Interpretación de conferencias: el nacimiento de una profesión. De París a Nuremberg, a comezos do século XX a interpretación como profesión daría un importante salto cualitativo ao aparecer nela unha nova figura: a do/a intérprete de conferencias, unha modalidade que xurdiría a raíz das circunstancias xeopolíticas da época e tería a súa xénese, xa que logo, na Primeira Guerra Mundial (1914-1918). Daquela eran de vital importancia aquelas persoas que puideran servir de enlace entre unidades militares que non se entendían entre si: as/os intérpretes de guerra.

Algunhas serían as que, ao finalizar a guerra, actuarían mediando lingüisticamente na Conferencia de Paz celebrada en París en 1919. Na devandita conferencia, reuníronse representantes de catro dos países vencedores (Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Italia) para debater unha serie de temas que culminarían, entre outras cousas, na sinatura do Tratado de Versalles e na creación da Sociedade de Nacións. A Conferencia de Paz de París caracterizouse por ser a primeira gran conferencia multilateral na que se empregou sistematicamente a interpretación nos dous idiomas oficiais da mesma: o inglés e o francés. Así, cada orador debía expresarse nun destes dous idiomas e, a continuación, un/ha intérprete proporcionaba unha versión do discurso na outra lingua oficial. A técnica máis utilizada era, por suposto, a consecutiva, mais a esta sumáronse tamén a tradución á vista e o chuchotage ou interpretación bisbada.

A interpretación no período de entreguerras

Como xa se mencionou, a Conferencia de Paz de París resultou na creación da Sociedade de Nacións (SDN). Nesta, unha vez máis, declarouse a cooficialidade do inglés e do francés, de xeito que, se algún orador desexaba expresarse nun terceiro idioma, debería proporcionar el mesmo a alguén que interpretase.

Cabe salientar, neste momento, dous feitos representativos da progresiva profesionalización da interpretación. O primeiro deles é a introdución de procesos de selección de intérpretes; o segundo refírese aos logros no relativo ás condicións laborais na práctica freelance.

(c) Stefan64

Polo que respecta ao proceso de interpretación, a técnica predominante na SDN seguiu a ser a consecutiva. Con todo, esta técnica, válida nun organismo con soamente dous idiomas oficiais, resultaba pouco aconsellable noutro foro, a Organización Internacional do Traballo (OIT), onde o número de linguas era maior. A partir desta necesidade xurdiu a técnica da interpretación simultánea.

Na segunda metade dos anos vinte, fóronse realizando ensaios nas sucesivas Conferencias Internacionais do Traballo e o sistema foise adaptando ás necesidades que se detectaban. Co paso dos anos, fóronse sucedendo as melloras, tanto a nivel técnico coma no relativo á formación do persoal encargado da interpretación, coa organización dun curso específico en 1928. A SDN, pola súa banda, amosouse moito máis reticente a adoptar o sistema de interpretación simultánea.

Finalmente, realizáronse ensaios para comprobar a validez da simultánea nas asembleas de 1931 e 1932, pero o novo sistema non chegou a callar na SDN, seguramente pola reticencia do propio corpo de intérpretes. En efecto, a interpretación simultánea non se consolidaría ata máis de dez anos despois, nos procesos de Núremberg.

Os procesos de Núremberg

Os procesos de Núremberg tiveron lugar na devandita cidade alemá entre 1945 e 1946, tras a fin da Segunda Guerra Mundial, e neles participaron Gran Bretaña, Estados Unidos, Francia e a Unión Soviética. A conseguinte diversidade lingüística, acentuada pola presencia do alemán, constituiría un importante obstáculo para a comunicación durante os xuízos. Nesta situación, e ante a imposibilidade de recorrer á consecutiva por mor da presenza de catro idiomas, o coronel Léon Dostert amosoulle a un dos xuíces as vantaxes da interpretación simultánea, que finalmente sería o sistema escollido.

Non obstante, o mencionado predominio da consecutiva durante o período de entreguerras significaba que o número de intérpretes coa preparación axeitada para participar nos procesos era moi reducido. Cumpriu, xa que logo, pasar por un proceso de selección, baseado máis na intuición que en probas fiables, pois daquela non existían nin se dispuña do tempo preciso para crealas. Nalgúns casos, as persoas con candidaturas seleccionadas pasaban por un proceso de formación moi breve no que se simulaba a celebración de xuízos; noutros, enviábaselles directamente á cabina sen ningún tipo de preparación previa. A esta falta de formación sumábanse as dificultades técnicas e loxísticas, e tamén a velocidade dos oradores. Este último problema, non obstante, solucionouse mediante un sistema de luces que permitía solicitar ao interpretar que se reducise o ritmo de elocución ou ben que se detivese por completo.

Mundo

Segunda metade do século XX

Tras a fin da Segunda Guerra Mundial, a profesión seguiu unha clara evolución. Un dos cambios máis significativos é o progresivo avance da simultánea en detrimento da consecutiva, a pesar da reticencia do corpo de intérpretes con máis experiencia, que consideraban a simultánea como unha ameaza ao seu status e posición. En efecto, é evidente que a simultánea resta visibilidade á persoa que interpreta e pode chegar a crear a sensación de que se trata dun traballo mecánico. Con todo, estes factores non puideron contrarrestar as múltiples vantaxes que ofrece a interpretación simultánea.

Outro importante síntoma de progreso foi a progresiva consolidación da interpretación como profesión, favorecida pola existencia de cada vez máis cursos de formación específicos (só en España hai na actualidade máis de quince universidades que ofrecen a carreira de Tradución e Interpretación) e polo establecemento de procesos de selección de candidaturas moito máis rigorosos para os organismos internacionais.

Se desexas máis información sobre a historia recente da interpretación podes ler (en castelán): Baigorri Jalón, J. (2000). La interpretación de conferencias: el nacimiento de una profesión. De París a Nuremberg. Albolote (Granada): Comares.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram