Definición

(c) taliesinAcotío tenden a confundirse, e a empregarse indistintamente, os termos tradución e interpretación. Por iso, a efectos desta plataforma, cómpre establecer a distinción existente entre ambas actividades.

A tradución consiste, en trazos xerais, en transvasar un texto escrito nunha lingua de partida a unha lingua de chegada diferente, proceso do que se obtén un produto escrito (denominado tradución, ao igual có proceso). Esta actividade implica múltiples perendengues e dificultades que, con todo, non trataremos nesta plataforma, pois o noso obxectivo principal é a interpretación.

A interpretación, pola súa banda, é o proceso que consiste en transvasar de forma oral un discurso pronunciado ou un texto escrito nunha lingua de partida determinada a unha lingua de chegada diferente. Deste proceso resulta, xa que logo, un discurso oral, ao que tamén se denomina interpretación. Con todo, o material de partida non ten por que ser necesariamente oral, pois na técnica de tradución á vista pártese dun texto escrito.

(c) matsukawa1971A interpretación é un proceso moi complexo no que entran en xogo numerosas variables: a memoria a curto e longo prazo, a concentración, a respiración, o autocontrol, a axilidade mental e, por suposto, o dominio das linguas con que se estea a traballar. Sen ánimo de profundar demasiado na vertente teórica da interpretación, si cabe mencionar que nesta plataforma se proporcionan información e recursos necesarios para o adestramento e o desenvolvemento dalgunhas das capacidades e competencias básicas para desempeñar esta actividade.