Interpretación social

Etnias ValparaisoA crecente globalización actual fai que a inmigración sexa un fenómeno plenamente estendido en todo o mundo e España non é a excepción. A chegada de persoas procedentes de diversos países, moitas das cales coñecen soamente a súa propia lingua, fai necesario o labor de profesionais da interpretación, que lles permiten manter unha comunicación coas persoas coas que dialogan. Esta modalidade de interpretación denomínase interpretación social e abrangue en realidade un ámbito moi amplo, pois desenvólvese en todo tipo de ambientes (dende hoteis e museos ata edificios da Administración) e con todo tipo de destinatarios (turistas, inmigrantes etc.).

A inmigración en España

Requisitos de inmigración a España

A principal lei que regula a inmigración a España é a Lei orgánica 4/2000, máis coñecida como Lei de estranxeiría. Nela establécense os dereitos e liberdades do colectivo inmigrante, así coma os requisitos para a súa entrada e permanencia no país.

Un dos principais requisitos é a acreditación de identidade: calquera persoa estranxeira que queira entrar legalmente en España deberá poder identificarse. Existen varios documentos de identificación válidos:

  • Pasaporte: pode ser individual ou colectivo, aínda que neste último caso deben cumprirse certos requisitos.
  • Título de viaxe.
  • Documento nacional de identidade, cédula de identificación e outros documentos credenciais: deben estar en vigor e a súa validez depende do país de orixe e dos acordos que este teña con España.

Á acreditación de identidade súmanse outros requisitos que deben cumprir as persoas inmigrantes que queiran entrar legalmente en España:

  • Non se poden atopar en ningunha circunstancia que vete a súa entrada no país, polo que deberán presentar a súa credencial de antecedentes penais.
  • Deberán xustificar os motivos da súa entrada no país e poderáselles esixir a presentación de documentos credenciais.
  • Deberán demostrar que dispoñen dos medios económicos precisos para vivir en España o tempo que teñan previsto. Existen certas excepcións, como aquelas persoas inmigrantes que estean autorizadas a residir ou a traballar no país.
  • En función do país de orixe, pode ser esixible a presentación dun visado.
  • Tamén se poderá esixir a presentación dun certificado sanitario ou a realización dun recoñecemento médico.

Finalmente, cómpre mencionar a tarxeta de identidade de estranxeiro, documento indispensable para calquera persoa estranxeira que resida en España de maneira legal, pois funciona como credencial de permanencia no país. As que obtivesen o permiso de residencia para un período superior a seis meses deberán solicitala no prazo dun mes tras a súa chegada (en caso de visado) ou tras a concesión ou entrada en vigor da súa autorización (en caso de autorización). Trátase dun documento individual (agás en certos casos como fillos/as ou persoas representadas) e intransferible, e as persoas estranxeiras están obrigadas a levalo sempre consigo. Non se debe confundir esta tarxeta co número de identidade de estranxeiro (NIE), que, consonte a web do Ministerio do Interior, se asigna a aqueles estranxeiros ou estranxeiras que «por sus intereses económicos, profesionales o sociales, se relacionen con España».

A inmigración na actualidade

Coa entrada de España na Unión Europea nos anos oitenta, reverteuse a tendencia imperante á emigración que se viña dando no país dende había décadas e comezaron a chegar inmigrantes cada vez máis a miúdo. Esta situación desembocou nun aumento significativo da poboación e contribuíu ao crecemento económico do país.

Nos últimos anos, este fenómeno gañou en incidencia ata o punto de que en 2011, consonte o INE, o colectivo inmigrante representaba máis do 12% da poboación de España.

A continuación, trázase un perfil da persoa inmigrante en España, tendo en conta distintas variables como a nacionalidade, a idade, o traballo que realiza, etc. Para iso, considéranse dous grandes grupos:

  • Réxime comunitario: trátase daquelas persoas estranxeiras que teñen a cidadanía da Unión Europea ou da Asociación Europea de Libre Comercio, e representan o 48,46% do total. Destas, máis da metade proceden dun destes tres países: Romanía (case un 36%), Reino Unido (cerca do 10%) e Italia (en torno ao 7%). Así mesmo, cabe salientar que case o 50% reside nas provincias de Madrid, Barcelona, Alacante, Valencia, Málaga e as Illas Baleares.

A maioría son homes e o grupo de idade máis frecuente é o situado entre os 25 e os 44 anos, un factor que contribuíu ao rexuvenecemento da poboación española. Así mesmo, cabe salientar que arredor do 85% do colectivo inmigrante se atopa en idade laboral.

  • Réxime xeral: son aquelas persoas estranxeiras que non pertencen ao réxime comunitario; representan un 51,54% do total. Aproximadamente a metade destas procede destes tres países: Marrocos, Ecuador e Colombia. Por provincias, a maior concentración prodúcese en Madrid e nas costas sur e leste de España: Barcelona, Murcia, Valencia, Alacante e Xirona.

Dos países africanos adoitan chegar maioritariamente homes, mentres que dos países americanos adoitan emigrar máis mulleres. Unha vez máis, o grupo de idade máis frecuente é o situado entre os 25 e os 44 anos. Salienta tamén que estas persoas adoitan permanecer en España durante longos períodos de tempo.

A interpretación social

Historia da interpretación social

A pesar de que existe dende hai moitísimos anos, o recoñecemento e a profesionalización da interpretación nos servizos públicos, na que se encadra a interpretación social, tardaron máis en chegar ca os doutras modalidades consideradas máis prestixiosas, como a interpretación de conferencias. Foi nos anos sesenta e setenta cando algúns países comezaron a recoñecer as características desta rama da interpretación a raíz das necesidades de intermediación que xurdiron coa poboación inmigrante, que se volvera moi significativa. Así, Australia foi un país pioneiro en canto á creación dun sistema de acreditación nacional para intérpretes e, xa nos noventa, xurdiu en Reino Unido a figura do Registered Public Service Interpreter.

O ano 1995 constituíu un importante punto de inflexión para esta profesión en Europa, xa que se celebrou en Estrasburgo unha reunión internacional centrada na interpretación nos servizos públicos, da que a interpretación social constitúe unha das principais submodalidades. A raíz desta reunión, creouse ao ano seguinte a asociación Babelea, co obxectivo de conseguir unha profesionalización desta actividade. Non obstante, principalmente por problemas económicos, esta asociación non chegou a bo porto.

Malia todo, o congreso da rede Critical Linkcelebrado en Toronto en 1997 con aspiracións similares, si tivo máis éxito. Organizáronse diversas reunións nas que se trataron temas como o código deontolóxico da profesión ou a calidade da interpretación, e conseguiuse unha maior delimitación da actividade. Estes congresos tiveron unha continuidade no tempo, e está previsto que o vindeiro encontro se celebre en xullo de 2013 en Toronto.

Na actualidade, a pesar dos avances conseguidos, aínda queda moito camiño por percorrer de cara a unha profesionalización plena en moitos países. Este é o caso de España, onde non existen denominacións homoxéneas para a profesión e onde os límites entre interpretación e mediación cultural adoitan ser difusos.

Status legal

A xa mencionada Lei orgánica 4/2000, máis coñecida como Lei de estranxeiría, establece no seu artigo 3 a igualdade de dereitos entre a poboación española e estranxeira:

1. Los extranjeros gozarán en España, en igualdad de condiciones que los españoles, de los derechos y libertades reconocidos en el Título I de la Constitución y en sus leyes de desarrollo, en los términos establecidos en esta Ley Orgánica.

Máis adiante, no artigo 20, sobre o dereito á asistencia xurídica gratuíta, alúdese xa de xeito explícito á presenza dunha persoa que interprete:

Los extranjeros tienen derecho a asistencia letrada de oficio en los procedimientos administrativos o judiciales que puedan llevar a la denegación de su entrada o a su expulsión o salida obligatoria del territorio español y en todos los procedimientos en materia de asilo. Además, tendrán derecho a la asistencia de un intérprete si no comprenden o hablan la lengua oficial que se utilice.

O código deontolóxico

Un código deontolóxico é un conxunto de normas éticas polas que se rexe unha actividade profesional, e que establecen unha serie de criterios mínimos de calidade. Nun principio, estes códigos circunscribíronse a certas profesións, tales como a medicina ou a avogacía, mais, co paso do tempo, o seu eido de aplicación foise expandindo e a interpretación como profesión non foi unha excepción. Na interpretación social, máis concretamente, este código ten unha importancia primordial, por mor dos conflitos éticos que poden xurdir a raíz das complicadas situacións nas que se adoita ver involucrado quen interpreta. Así mesmo, cabe salientar que a relación coa clientela, un punto esencial de calquera código deontolóxico, cobra un cariz especial neste eido, xa que a implicación da persoa que interpreta pode chegar a traspasar as cuestións estritamente profesionais.

En canto aos contidos do código deontolóxico da actividade interpretativa, existen algúns que son comúns a todas as profesións, como poden ser a profesionalidade, a dispoñibilidade, a integridade etc. Non obstante, tamén hai unha serie de puntos específicos que cómpre ter presentes:

  • Precisión: quen interpreta ten a obriga de reproducir fielmente a mensaxe orixinal, tanto a nivel de contidos coma a nivel de forma. No caso dos contidos, deben evitarse as omisións, adicións e modificacións, expondo sempre aquelas dúbidas que xurdan cando non se comprenda ben unha parte do discurso e corrixindo calquera erro que se detecte na interpretación.
  • Imparcialidade: a persoa que interpreta debe limitarse a actuar como facilitadora da comunicación e non debe tomar unha postura en ningún momento a favor ou en contra de ningunha das partes. Este requisito pode chegar a resultar difícil de cumprir no caso da interpretación social, xa que o continuo contacto coa clientela e as complicadas situacións nas que se pode desenvolver a comunicación poden levar a conflitos morais.
  • Mediación cultural: como xa se indicou, quen interpreta debe ter en conta as referencias culturais que vaian xurdindo ao longo do discurso. Non obstante, cabe salientar que a persoa que interpreta non é unha mediadora cultural, polo que o seu labor debe limitarse a explicar aqueles referentes que poidan resultar opacos para a parte receptora e que entorpezan a comunicación.

Perfil da persoa que interpreta

No eido social non é infrecuente que a persoa que exerce o labor de intérprete non sexa en realidade un/ha profesional con credenciais nin recibise ningún tipo de formación. En numerosas ocasións, son simplemente persoas que dominan as dúas linguas de traballo, non sempre con nivel suficiente e, moitas veces, son os propios ou as propias familiares dunha das partes os que desempeñan esta función.

Isto entraña unha serie de riscos, xa que a actividade interpretativa esixe certos requisitos que se deben cumprir para que a comunicación chegue a bo porto. En primeiro lugar, quen interpreta debeu recibir formación en relación coas diferentes técnicas e modalidades de interpretación, e tamén debe dominar aspectos clave desta actividade como son a modulación da voz, a división da atención ou o proceso de toma de notas. Xa no plano emocional, debe ser consciente das distintas situacións ás que se pode enfrontar e debe ser capaz de reaccionar axeitadamente, respectando o código deontolóxico que se mencionaba no apartado anterior.

Se non se cumpren todos estes requisitos é moi probable que xurdan problemas derivados de erros na reprodución da mensaxe ou do incumprimento da confidencialidade e imparcialidade ás que está obrigado un/ha intérprete profesional.

Interpretación e mediación

En moitas ocasións confúndese o labor de quen interpreta co dun/ha mediador/a cultural, debido a que ambas profesións teñen unha serie de competencias comúns, que recolle El Hasnaoui (2005). Non obstante, existe unha diferenza esencial entre elas e é que a mediación intercultural non se limita a superar a barreira do idioma, senón tamén a que impón a diferenza de culturas entre as dúas persoas que dialogan, que pode presentar grandes trabas ao entendemento mutuo. Quen interpreta, en cambio, debe cinguirse ao seu papel e facilitar a comunicación dende o punto de vista estritamente lingüístico; é certo que, no eido da interpretación social, esta imparcialidade pode resultar complicada, mais é importante que a/o profesional non se exceda nas súas funcións e que, agás certas ocasións puntuais que requiran unha mínima aclaración cultural, non caia no terreo da mediación.

Técnicas e modalidades empregadas na interpretación social

No eido da interpretación social pódense empregar as distintas técnicas de interpretación existentes; non obstante, a técnica predominante con diferenza é a interpretación de enlace. Isto débese á propia natureza da comunicación nestes contextos, que se adoita estruturar en forma de diálogo, con intervencións de curta duración que fan que a toma de notas non sexa tan indispensable coma noutros casos. Tamén é moi habitual a tradución á vista, que consiste na tradución oral dun documento escrito para que unha das partes poida comprendelo. Outras técnicas, como a interpretación simultánea, son máis comúns noutros eidos, como pode ser o xudicial.

En canto ás modalidades, á interpretación presencial súmanse outras dúas que foron gañando importancia nos últimos anos:

  • Interpretación telefónica: realízase a través dun teléfono e o seu principal problema é a perda da información non verbal.
  • Interpretación por videoconferencia: presenta unha vantaxe con respecto á anterior e é que a maior visibilidade de quen interpreta implica unha menor perda de información non verbal.

Ámbitos aplicación da interpretación social

Os ámbitos de aplicación da interpretación social son moitos e moi variados, mais hai tres que destacan por enriba dos demais:

  • ONG: constitúen o escenario máis habitual. Dúas das máis significativas son ACCEM e ACNUR, a Axencia da ONU para as persoas refuxiadas; ambas recrutan ao seu persoal de interpretación mediante un servizo de voluntariado ao que se pode acceder a través das súas páxinas web. Salienta tamén o labor do Servizo de Tradutores e Intérpretes (SETI), que forma parte do Comité de Defensa dos Refuxiados, Asilados e Inmigrantes no Estado Español e que é un grupo cunha longa traxectoria que abastece de intérpretes a distintas ONG, asociacións, comisarías de policía, hospitais etc.
  • Asociacións: existen en España numerosas asociacións de inmigrantes, entre as que cabe salientar a Asociación de Axuda ao Inmigrante Africano (AIDA) ou Centro Hispano-Rumano de Madrid ou Casa África. Así mesmo, a Oficina para la Extranjería y la Migración de la Comunidad de Madrid conta cun Proyecto de Apoyo con Intérpretes (PAI) que se prestan de forma voluntaria para aqueles e aquelas inmigrantes que precisen asistencia urxente.
  • Centros de acollida: en España destaca o CEAIN, que ofrece na súa páxina web información moi completa para inmigrantes, na que se inclúen mostras de documentos que poden precisar e tamén conta cunha sección de voluntariado.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram