Interpretación xudicial

(c) Brian TurnerAs características inherentes á interpretación no eido xudicial outórganlle unha gran complexidade que lle esixe a quen interpreta nestes contextos un elevado nivel de formación e profesionalidade para conseguir un correcto transvase da mensaxe e unha comunicación óptima. Por este motivo, é importante que quen interpreta conte con certos fundamentos teóricos acerca do sistema xudicial español e outros aspectos máis relacionados coa propia interpretación, que se expoñen a continuación.

O sistema xudicial español

A planta xudicial

En España existen cinco grandes ordes xurisdicionais e cada proceso xudicial adscribirase a unha ou outra destas en función das circunstancias de cada caso:

  • Orde penal: correspóndelle o axuizamento de delitos e faltas.
  • Orde contencioso-administrativa: correspóndelle controlar a actuación das administracións públicas.
  • Orde social: relacionada con cuestións laborais.
  • Orde militar: réxese polas súas propias normas, independentes da xustiza ordinaria.
  • Orde civil: resérvase para outros asuntos que non se adscriban a ningunha das ordes anteriores. Así mesmo, nos procesos penais é habitual que unha das partes se constitúa en parte civil.

Esta división «horizontal» combínase cunha división vertical dos distintos xulgados e tribunais, encargados da celebración de xuízos. Estes órganos diferéncianse nas súas atribucións e na amplitude da súa xurisdición, que adoita coincidir (agás nun caso, que se comenta a continuación) coas divisións administrativas do territorio español. Presentámolos en orde ascendente segundo as súas competencias:

  • Xulgado de Paz: está presente en todos os concellos que non conten cun órgano máis elevado e as súas atribucións son moi limitadas, ata o punto de que a xudicatura nos xulgados de Paz non ten por que ser licenciada en dereito. A súa principal ocupación está relacionada con cuestións do Rexistro Civil (nacementos, pasamentos etc.); non obstante, tamén ten capacidade para tratar conflitos, sempre que se trate dunha contía económica reducida.
  • Xulgado de Primeira Instancia e Instrución: hai polo menos un en cada partido xudicial, que é unha división xurisdicional que abarca un ou varios concellos. Os xulgados de Primeira Instancia encárganse de cuestións civís; os de Instrución, de asuntos penais.
  • Audiencia Provincial: como o seu nome indica, a súa xurisdición abarca toda unha provincia, e a súa sede central atópase na capital, aínda que se poden crear seccións noutros concellos. Na Audiencia Provincial pódense xulgar delitos graves e tamén se pode encargar dos recursos procedentes do órgano inmediatamente inferior.
  • Tribunal Superior de Xustiza: teñen xurisdición nunha comunidade autónoma e conta con salas para todas as ordes mencionadas anteriormente (agás a orde militar). Adoita encargarse de recursos de órganos inferiores.
  • Audiencia Nacional: a súa xurisdición abarca todo o país, mais as súas competencias circunscríbense a unha serie de delitos específicos, entre os que se inclúen os delitos contra a Coroa o os delitos de crime organizado. Así mesmo, carece de atribucións na orde civil.
  • Tribunal Supremo: tamén ten xurisdición para todo o país, pero unha das súas principais funcións consiste en tratar os recursos de casación, nos que se examina a correcta interpretación da lei. Conta con cinco salas, unha para cada unha das ordes xudiciais.
  • Tribunal Constitucional: a súa misión principal consiste en velar polo respecto a todo o estipulado na Constitución española; por este motivo, é o encargado dos recursos de amparo, nos que se examina a violación dos dereitos fundamentais, recollidos na Constitución. Tamén se encarga de dirimir conflitos entre comunidades autónomas ou entre estas e o Estado.
  • Tribunais europeos: constitúen a última instancia á que se pode dirixir calquera persoa con cidadanía española se considera que non se respectaron os seus dereitos. Destacan o Tribunal de Xustiza da Unión Europea e o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Actores que interveñen no proceso xudicial

  • Persoal ao servizo da xustiza

    • Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX): consonte a Constitución, correspóndelle o goberno do Poder Xudicial e a persoa que o preside será tamén quen presida o Tribunal Supremo.
    • Xudicatura e maxistratura: son quen se encargan de impartir xustiza. Diferéncianse en que a xudicatura está constituída por órganos unipersoais, mentres que a maxistratura forma parte de órganos colexiados.
    • Oficina xudicial: organización de recente creación que, consonte a Lei orgánica 19/2003, serve de apoio á xudicatura e aos tribunais; está integrada por unha serie de corpos de funcionariado de diversa índole.
    • Secretaría xudicial: funcionariado público encargado de deixar constancia de todos os procesos xudiciais, entre outras atribucións.
    • Avogacía e procuradoras/es: persoas licenciadas en dereito encargadas de asesorar ou de representar ás partes nun proceso xudicial. A súa presenza soamente é obrigatoria en determinados tipos de xuízos.
  • Actores

    • Esenciais: representante da xudicatura, o órgano xurisdicional e as partes, que poden ser:
      • Nun xuízo civil: parte demandada e parte demandante.
      • Nun xuízo penal: parte acusadora (Ministerio Fiscal) e parte acusada (a persoa acusada).
    • Eventuais: peritos/as, testemuñas etc. Desempeñan unha misión auxiliar.

O proceso penal

Un proceso penal pódese incoar por tres vías:

  1. Querela: trátase dunha declaración escrita que fai unha persoa para comunicar a comisión duns feitos determinados. Esta persoa convértese en parte acusadora do delito.
  2. Denuncia: diferénciase da querela en que pode realizarse de forma oral e en que a persoa que a presenta non se constitúe en parte acusadora.
  3. Atestado policial: permite ao funcionariado da policía xudicial recoller toda a información relativa á comisión dun delito.

Existen cinco tipos de procesos penais, que se presentan ordenados en función da súa complexidade:

  • Habeas corpus: iníciase a petición da persoa detida e realízase nun prazo máximo de 24 horas para que o xuíz ou xuíza de instrución determine se a detención foi legal ou non. Neste último caso, a persoa acusada é posta en liberdade.
  • Xuízo de faltas: a súa misión é axuizar as faltas e caracterízase pola rapidez do procedemento, así como pola súa sinxeleza, pois non se precisan representantes da avogacía nin procurador/a. En moitos casos, a sentenza xudicial execútase directamente.
  • Xuízo rápido: resérvase para delitos castigados con penas de privación de liberdade de ata 5 anos ou con penas de privación de dereitos de ata 10 años. Divídese en tres fases: dilixencias urxentes, preparación do xuízo oral e xuízo oral.
  • Procedemento abreviado: nel axuízanse delitos castigados con penas de privación de liberdade de ata 9 anos ou con calquera pena doutro tipo. Consta das seguintes fases:
    • Fase de instrución (dilixencias previas): determínase a natureza e quen participou nos feitos, establécese o órgano competente e aplícanse as medidas cautelares necesarias. Ao final desta fase, a xuíza ou xuíz dita unha resolución na que se indica se os feitos se consideran delito ou non.
    • Fase intermedia: nesta fase, a xuíza ou xuíz determina se se sobresé o caso ou se abre o xuízo oral. Se finalmente se abre o xuízo oral, a parte acusadora deberá presentar o escrito de acusación, onde se recollen todas as circunstancias relativas ao caso, e a parte acusada debe presentar o escrito de defensa.
    • Xuízo oral: celébrase nun Xulgado do Penal ou na Audiencia Provincial, en función da gravidade do delito. Ambas partes presentan as probas e teñen a posibilidade de modificar os seus escritos de acusación e de defensa; así mesmo, a persoa acusada terá dereito á última palabra. Despois, o caso queda visto para sentenza, que ditará o xuíz ou xuíza á que se poderá interpor un recurso.
  • Procedemento ordinario: é similar ao procedemento abreviado, mais destínase a delitos graves castigados cunha pena de privación de liberdade superior a 9 anos. Consta das seguintes fases:
    • Fase de instrución (sumarial): elabórase o sumario, onde se recollen todas as circunstancias relacionadas co caso. Así mesmo, nesta fase a xuíza ou xuíz poderá aplicar as medidas cautelares que estime precisas. É quen dita o auto de procesamento, no que se imputa a unha persoa como autora do delito, e tamén o auto de conclusión, mediante o cal se dá fin ao sumario.
    • Fase intermedia: revócase ou confírmase o auto de conclusión e, de confirmarse, poden acontecer dúas cousas: ou ben se abre o xuízo oral ou ben se sobresé o caso. Este sobresemento pode ser libre (definitivo) ou provisional. Se se decide abrir o xuízo oral, o Ministerio Fiscal deberá redactar os escritos de cualificación, nos que se recollen as circunstancias relativas ao delito. Mediante un auto, o poder xudicial admite ou rexeita estes escritos.
    • Xuízo oral: en primeiro lugar, as partes presentan as súas probas (fase probatoria). A continuación, poderán realizar alegacións para os escritos de cualificación e redactaranse os escritos definitivos. As partes expoñen as súas conclusións e a persoa acusada terá dereito á última palabra, tras o cal o caso ficará visto para sentenza, que se ditará tras un período de reflexión por parte da xuíza ou xuíz ou do tribunal.

O proceso civil

Igual que acontecía cos procesos penais, existen distintos tipos de procesos civís:

  • Xuízo verbal: iníciase mediante demanda e nel tramítanse asuntos de propiedade de bens, falta de pagamentos, etc. Non require a presenza de representante da avogacía nin de procurador/a cando a contía non supera os 2000 €. Conta coas seguintes fases, consonte a Lei de axuizamento civil (LAC ou LEC, pola súa denominación en castelán: Ley de Enjuiciamiento Civil): fase escrita de demanda, actuacións previas á vista (non obrigatorias), fase oral (vista) e fase escrita decisoria.
  • Xuízo ordinario: tamén se inicia mediante demanda, mais nel tramítanse cuestións nas que non haxa un valor monetario estimable. Ademais, é indispensable a presenza de representante da avogacía e procurador/a. Consta das seguintes fases, consonte a LAC: fase de alegacións, fase oral preliminar (audiencia), fase oral probatoria (xuízo) e fase escrita decisoria.
  • Xuízo monitorio: iníciase por demanda e nel tramítase o cobro de débedas que estean recollidas en documentos, e caracterízase pola súa maior rapidez e menor custo. A presenza de avogada/o e procurador/a será obrigatoria só se a persoa debedora presenta oposición. Consonte a LAC, as súas fases principais son: petición inicial, admisión da petición e requirimento de pagamento, despacho da execución e pagamento ou oposición da parte debedora. En caso de oposición, vaise a xuízo.
  • Xuízo cambiario: iníciase tamén por demanda e nel tramítase o cobro de letras de cambio, cheques ou pagarés. Desenvólvese polos trámites do xuízo verbal.

A interpretación no eido xudicial en España

Lexislación

Malia haberes moitas leis que mencionan a necesidade de contar cun/ha intérprete nos procesos xudiciais, son poucas as que falan da calidade da interpretación.

Entre a lexislación internacional atópanse:

  • Declaración universal de dereitos humanos: aínda que non se explicita, nos seus artigos 8 e 10 fai referencia, respectivamente, ao «dereito a un recurso efectivo» e ao «dereito a ser ouvida publicamente e con xustiza». Disto despréndese que, en caso de non coñecer o idioma do país, cumprirá a presenza dunha persoa que interprete.
  • Pacto internacional de dereitos civís e políticos (1966): no artigo 14, establécese o dereito de toda persoa «a ser asistida gratuitamente por un intérprete, se non comprende ou non fala o idioma empregado no tribunal».
  • Convenio europeo de dereitos humanos (1950): alén de estipular algo similar ao pacto mencionado, afirma que «toda persoa detida debe ser informada, no prazo máis breve posible e nunha lingua que comprenda, dos motivos da súa detención e de calquera acusación formulada contra ela».
  • Carta de dereitos fundamentais da Unión Europea (2000): fala da non discriminación e do dereito a «dirixirse ás institucións da Unión nunha das linguas dos Tratados».
  • Directiva 2010/64/UE do Parlamento Europeo e do Consello de 20 de outubro de 2010 relativa ao dereito a interpretación e a tradución nos procesos penais: desta directiva destaca a mención que fai á calidade da interpretación.

Entre a lexislación nacional atopamos:

  • Constitución española (1978): o artigo 17.3 fala do dereito de toda persoa detida a «ser informada de forma inmediata, y de modo que le sea comprensible, de sus derechos y de las razones de su detención», o que implica a presenza de alguén que interprete nos casos pertinentes.
  • A Carta de dereitos dos Cidadáns ante a Xustiza (2002): establece que:

Se garantizará el uso de intérprete cuando el extranjero que no conozca el castellano ni, en su caso, la lengua oficial propia de la Comunidad Autónoma, hubiese de ser interrogado o prestar alguna declaración, o cuando fuere preciso darle a conocer personalmente alguna resolución.

  • Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta: establece a gratuidade dos servizos de tradución e interpretación que poida requirir calquera persoa.
  • Lei de axuizamento civil (LAC): o seu artigo 143 está adicado á intervención de intérpretes.
  • Lei de axuizamento criminal (LACrim ou LECrim, pola súa denominación en castelán: Ley de enjuiciamento criminal): esta lei data do século XIX e a parte adicada a quen interpreta non sufriu modificacións dende entón. No artigo 441, establécese que, a falta de intérprete «titulado», poderá exercer como tal calquera persoa que coñeza o idioma.

Tipos de contratación

En España non existe unha homoxeneidade en canto aos modelos de contratación de intérpretes no eido xudicial; así, son tres modelos os que predominan:

  • Modelo tradicional: neste modelo conviven intérpretes do cadro de persoal (que acceden ao posto mediante un concurso-oposición) con intérpretes free lance (a quen se recorre cando a carga de traballo é moi elevada).
  • Subcontratación de servizos («modelo de contratas»): as administracións publican unha licitación para empresas privadas, que serán as que lle paguen a quen interpreta en última instancia. O feito de que a empresa actúe de intermediaria fai que se reduzan considerablemente as tarifas de interpretación, segundo se recolle no Libro branco de tradución e interpretación, publicado polo MAEC. Por este motivo, e tamén pola baixa calidade de moitas interpretacións, este modelo recibiu numerosas críticas.
  • Xestión integral pública de servizos de tradución e interpretación xudicial: exclusivo da provincia de Las Palmas, este modelo baséase na existencia dunha única persoa tradutor-intérprete no cadro de persoal encargada de coordinar ao resto de intérpretes, aos que os xulgados acceden mediante unhas listas. Ten importantes vantaxes, como as elevadas tarifas ou a garantía de calidade, xa que só entran na lista intérpretes que recibiron formación.

Fases nas que intervén o/a intérprete no proceso xudicial

A pesar de que, consonte a lexislación, quen interpreta se limita a intervir en certas fases, na práctica o seu papel expándese ao proceso xudicial na súa integridade, o que inclúe a súa participación en ambientes alleos ás instalacións onde se desenvolve o xuízo, como pode ser o Rexistro Civil, ou nas entrevistas entre avogada/o e cliente.

Un/ha intérprete pode desempeñar diferentes labores neste eido.

  • Tradución: realización de traducións directas e inversas de documentos de todo tipo, dende autos e sentenzas ata informes periciais (Ortega Herráez et ál., 2004: 101). Salienta tamén a tradución de escoitas telefónicas, xa sexa mediante transcricións ou interpretándoas directamente.
  • Peritaxe lingüística: neste caso, o ideal sería que a persoa que realice a peritaxe sexa distinta á que desempeñou o labor de tradución ou interpretación.
  • Mediación intercultural: en principio, as figuras de quen interpreta e de quen media interculturalmente están claramente disociadas. É certo que, debido ao labor de mediación inherente á interpretación, esta liña esvaece, e non é estraño que, noutros eidos, este ou esta profesional interveña para aclarar posibles malentendidos derivados da distancia entre culturas. As trazas propias do eido xudicial, con todo, restrinxen este papel da persoa que interpreta por mor de cuestións como as tácticas lingüísticas ás que recorren os distintos actores, que moitas veces tratan de confundir deliberadamente ao/á seu/súa interlocutor/a.

Dificultades da interpretación xudicial

O traballo de intérprete implica unha serie de circunstancias que poden provocar altos niveis de estrés. Este estrés, que na súa xusta medida resulta ata beneficioso para activar a capacidade de resposta, pode afectar negativamente á calidade da interpretación se chega a cotas moi elevadas.

No caso de interpretar no eido xudicial, súmanse a estas circunstancias outras máis específicas:

  • O coñecemento da terminoloxía especializada e a súa adecuación a quen recibe a mensaxe.
  • O uso dun rexistro moi elevado, tamén coa conseguinte necesidade de adaptalo á persoa receptora.
  • A exposición de preguntas deliberadamente confusas por parte da avogacía. Estas fan que a fidelidade e a precisión de quen interpreta sexan máis importantes se cabe, xa que debe manter esa ambigüidade presente na mensaxe orixinal.
  • A necesidade de non tomar unha postura a favor de ningunha das partes, actuando sempre de maneira imparcial.

Técnicas e modalidades

As técnicas e modalidades empregadas na interpretación xudicial varían en función das circunstancias. Entre as técnicas máis empregadas salientan:

  • Consecutiva curta: a persoa encargada da interpretación agarda a que quen ora termine a súa mensaxe, xeralmente tomando notas e, a continuación, reprodúcea na lingua meta. O discurso dividirase en fragmentos de curta duración.
  • Enlace: moi habitual na interpretación xudicial polo carácter dialóxico que adoita presentar a comunicación.
  • Tradución á vista: emprégase cando hai que traducir algún documento relacionado co xuízo, como pode ser unha denuncia ou unha sentenza.
  • Chuchotage: non se adoita recorrer a el, porque soamente é viable cando hai unha ou poucas persoas receptoras e tamén porque algúns xuíces ou xuízas se opoñen ao seu uso.
  • Simultánea con medios electrónicos: non é moi habitual en España; dáse en casos illados como os xuízos do 11-M.

En canto ás modalidades, pódense dividir en dous grupos:

  • Presencial: é a máis habitual, xa que se require que quen interpreta estea presente á beira das partes.
  • Por videoconferencia: aínda que non está moi estendida, o seu uso é cada vez máis frecuente e existe un proxecto denominado AVIDICUS, avalado pola UE, que investiga sobre ela.

O código deontolóxico

A única referencia a un código deontolóxico para intérpretes na lexislación española constitúena os artigos 460 e 461.1 do Código penal, nos que se expoñen as penas que carrexa a inexactitude no labor da persoa que realiza a interpretación e a presentación de «intérpretes mendaces», respectivamente. Por outra banda, a Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xurados ten o proxecto de desenvolver un código deontolóxico.

Así mesmo, o Libro branco da tradución e interpretación establece unha serie de recomendacións de cara á creación dun código deontolóxico, entre as que se inclúen: a fidelidade ao discurso, a imparcialidade, a confidencialidade, a solidariedade profesional e a preparación suficiente da ou do intérprete.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram