Interpretación de enlace

(c) graceyA interpretación de enlace é aquela que se realiza para facilitar o entendemento entre dúas partes que falan distintos idiomas, podendo ser estas partes dúas persoas, unha persoa e un pequeno grupo ou dous pequenos grupos. Quen interpreta, polo tanto, debe ter un amplo dominio de ambas linguas de traballo. Se ben algúns autores e autoras a consideran unha especie de interpretación consecutiva, existen características que as diferencian. Os dous aspectos máis salientables da interpretación de enlace a este respecto son que non adoita requirir toma de notas e que se desenvolve de modo bidireccional.

Cabe salientar a diversidade de opinións existentes con respecto á denominación desta técnica: interpretación bilateral, interpretación de enlace ou liaison interpreting son só algúns dos nomes que lles deron certos autores e autoras. Nesta plataforma decidimos non empregar «interpretación bilateral», a pesar de que é unha denominación estendida, porque esta técnica non ten lugar exclusivamente entre dúas partes ou interlocutores/as, como se mencionaba anteriormente. Así mesmo, descartáronse outras opcións como dialogue interpreting ou liason interpreting por preferirmos unha denominación en galego que expresara esta mesma noción de mediación e vínculo comunicativo entre varias partes: interpretación de enlace.

En función da modalidade en que teña lugar a interpretación de enlace, a persoa que interpreta adoita poder dispor de material documental que se corresponde co eido no que vaia traballar, pois trátase na súa gran maioría de situacións máis ou menos delimitadas. Así, nas seccións do menú que corresponden a cada unha das modalidades que tratamos nesta plataforma, podedes atopar material de apoio para intérpretes nos apartados titulados Documentos.

(c) US Army Africa

Cabe salientar que quen realiza a interpretación de enlace desempeña un papel moi relevante no proceso comunicativo, posto que se atopa presente no mesmo espazo que os/as interlocutores/as, carece de equipamento técnico e debe reflectir durante a súa intervención trazos non verbais como a xestualidade. Ademais, é de vital importancia que a persoa que interpreta sexa consciente das relacións que se establecen entre interlocutores/as, pois en gran parte das situacións existe unha relación de desigualdade ou poder entre ambos ou ambas, así como das particularidades culturais. Quen fai interpretación de enlace ha ter sempre presentes as implicacións do seu traballo e, de novo en función da modalidade, actuar consonte o código deontolóxico e a ética profesional.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram