Toma de notas

A toma de notas é unha das destrezas máis importantes que debe ter alguén que interprete de xeito consecutivo ou de enlace.

A toma de notas consiste en anotar as ideas e conectores clave do discurso, de xeito que estas notas sirvan de apoio á memoria á hora de reproducir o discurso de novo. É importante salientar que quen realiza a interpretación debería anotar ideas ou conceptos, e non palabras, e que as notas deberían servir de detonantes da memoria, mais nunca substituír á mesma. Por iso, quen interpreta non debería adicar un esforzo desmesurado a tratar de anotar o discurso completo, senón aqueles puntos clave que lle axuden a reformulalo ou aquelas ideas que precise anotar para lembrar.

Se ben o máis común é que cada intérprete desenvolva o seu propio sistema de toma de notas en función da súa experiencia e necesidades, existen certos principios comúns que, en xeral, resultan de utilidade á hora de tomar notas dunha forma eficiente, así coma certos símbolos que adoitan ser de uso recorrente.

Os sete principios de Rozan

Símbolos principais

En canto aos símbolos, Rozan propón vinte símbolos principais que deberían contribuír a unha toma de notas eficiente. Non obstante, quen interpreta pode ter xa interiorizados máis ou menos símbolos e pode empregalos en distintos contextos e mesmo darlles diferentes significados en función do discurso de que se trate. Por iso, propoñemos unha lista non exhaustiva dalgúns símbolos, referentes a conceptos, que utilizamos adoito e que nos resultaron operativos na práctica da toma de notas ao longo do tempo. Esta lista é meramente orientativa, pois cabe lembrar que cada intérprete debe desenvolver o seu propio sistema de toma de notas, que lle resulte eficaz e cómodo á hora de traballar.

Cómpre recalcar, amais, que a lectura de notas non debe converterse nun proceso de descifrado a causa da profusión de símbolos. O traballo duro, o de procesamento e análise do discurso, debe estar concluso xa ao comezar a lectura das notas.