Autoría

Para citar esta páxina web, consultar Como citar esta web?.

DIRECTORA

Maribel del Pozo Triviño é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Irlanda e licenciada e doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo.

En 1997 fundou SPRINT, axencia de tradución e interpretación e academia de idiomas. Dende 1998 é tamén tradutora e intérprete xurada inglés-castelán. A partir do ano 2001 comezou a compaxinar a súa actividade profesional como tradutora e intérprete coa docencia universitaria. Actualmente é profesora a tempo completo na Universidade de Vigo, onde imparte materias relacionadas coa tradución e a interpretación nos servizos públicos (TISP). Impartiu, así mesmo, numerosos cursos, obradoiros e conferencias sobre diferentes aspectos da TISP e participa en proxectos de investigación vinculados a este eido. A súa investigación céntrase na tradución xurídica e xudicial, así coma na TISP. Conta con diversas publicacións ao respecto, alén de ter asistido a numerosos congresos internacionais.

Forma parte do grupo de investigación GENTT (Universidade Jaume I), tomou parte na fundación da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), é integrante da Asociación de Tradutores e Intérpretes Xurados de Cataluña (ATIJC), da Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xudiciais e Xurados (APTIJ) e da Asociación Ibérica de Estudos de Tradución e Interpretación (AIETI) dende o seu inicio. Amais, forma parte de Red Comunica, Observatorio Permanente de la Tradución e Interpretación en los Servicios Públicos. Actualmente tamén é representante da Universidade de Vigo no Consello Sectorial das Migracións do Concello de Vigo.

RESPONSABLE DA VERSIÓN EN ITALIANO

Ana María Pérez Fernández licenciouse en Tradución e Interpretación na Universidade de Vic (2008) e no Máster de Ensinanza de Español como Lingua Estranxeira da Universidade de Barcelona (2019).

Licenciouse en tradución en Vic no 2008 e dende daquela traballa como tradutora e intérprete autónoma en Forlì (Italia), onde tamén ensina español a persoas estranxeiras.

No 2017 comezou a traballar como profesora de tradución e interpretación na Escola de Interpretación CIELS de Boloña e a partir do 2019 na sede CIELS Padua. Imparte e participa regularmente en cursos, talleres, conferencias e seminarios do sector.

A súa investigación céntrase na ensinanza de interpretación de enlace e interpretación consecutiva, así como na creación de materiais para mellorar a calidade da ensinanza e da aprendizaxe.

Forma parte da asociación de Tradutores e intérpretes de Forlì (TradInFo), da que é vicepresidenta, e organiza cursos e eventos.

VERSIÓN EN NEERLANDÉS

Ana Moreno Bruna é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade Pablo de Olavide (Sevilla), Máster en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Amberes (Bélxica) e doutora en Lingüística pola Universidade de Gante (Bélxica).  A súa investigación céntrase na influencia que os esforzos pedagóxicos por parte das universidades de orixen poden ter no proceso de aprendizaxe de estudantes de linguas durante unha estancia Erasmus. Máis concretamente, en relación coa súa competencia intercultural e o seu dominio léxico e pragmático do español como segunda lingua.

Actualmente imparte materias relacionadas co dominio da lingua española, tradución, interpretación, e didáctica do español na Universidade de Gante. Traballa asimesmo como examinadora nas probas oficiais de certificación como intérprete social da Axencia de Integración e Inserción cívica (AGII) do Goberno de Flandes, Bélxica.

July De Wilde é licenciada en Filoloxía Románica (español e francés) pola Vrije Universiteit Brussel (Bruselas, Bélxica), cursou unha Mestría en Literatura Mexicana na Universidade Benemérita de Puebla (México) e é doutora en Lingüística e Literatura pola Universidade de Gante (Bélxica). Actualmente traballa como profesora e investigadora no Departamento de Tradución, Interpretación e Comunicación da Universidade de Gante (Bélxica). Imparte materias relacionadas coa interpretación, a comunicación multilingüe e intercultural, así como a historia cultural de América Latina. A súa investigación céntrase na facilitación lingüística en entornos institucionais multilingües e interculturais, así como nos encontros mediados por intérpretes (profesionais, no profesionais, traballando cara a cara ou a distancia). Publicou en varias revistas internacionais, entre elas Language Policy, Translator, Multilingua, Translation and Interpreting, Journal of Language and PoliticsFITISPOS International Journal.

Louise Deriemaeker, oriúnda de Bélxica e apasionada polos idiomas, ó finalizar o seu bacharelato, decidiu estudiar Lingüística Aplicada (neerlandés, francés e español). Aquela eleción levouna a deixar o seu pobo natal para vivir en Gante, preto dunha das mellores universidades da rexión. No marco dos seus estudos, pasou seis meses en Granada, grazas ó programa Erasmus, unha estadia que espertou aínda máis o seu profundo amor polas linguas.

En 2021 obtivo o Mestrado en Traducción, otorgado pola Universidade de Gante. Despois de graduarse, aínda sen satisfacer o seu desexo de dominar os seus idiomas á perfección, comezou o seu camiño para ser intérprete. En 2022 obtivo o Mestradp en Interpretación. En 2023 foi becada pola Unión Europea para o posgrao en “Interpretación de Conferencias” que cursa actualmente. Engadiu o idioma inglés á súa combinación lingüística, destacándose como unha intérprete profesional e íntegra.

O seu máis grande desexo é que todo o mundo poida comunicarse de manera asertiva e consciente nun ambiente onde reine a verdade e a xustiza. Con esa visión en mente, dará os seus primeiros pasos no mercado laboral.

COLABORACIÓNS

Carlota Acosta Rodríguez naceu en Marín (Pontevedra) en 1996. Finalizou o Bacharelato de Humanidades no IES Illa de Tambo con matrícula de honra. A continuación comezou o Grao de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo no ano 2014. Compaxinou os seus estudos universitarios coa participación en cursos de idiomas e lingua de signos. No seu segundo ano concedéronlle a bolsa Erasmus para estudar na University Silesia in Katowice (Polonia). No cuarto e último curso da súa titulación realizou as súas primeiras prácticas profesionais no mundo da tradución e a interpretación.

 

Elena Armas López naceu en Lugo en 1989. Tras finalizar o Bacharelato de Ciencias Sociais no IES N.º 1 de Lugo con matrícula de honra, decidiu que o seu eran os idiomas e as culturas e resolveu comezar unha nova etapa da súa vida na Universidade de Vigo, estudando a Licenciatura en Tradución e Interpretación (castelán-inglés-francés). Ao terceiro ano, cruzou a Canle da Mancha a varios miles de pes de altura para establecerse en Liverpool durante un curso académico no marco do Programa Erasmus. Durante este ano na University of Liverpool concedéronselle dous premios aos méritos académicos: o Grace Brown Prize e o Spanish Translation Prize. Xa de volta en terras viguesas, emprendeu o cuarto curso con enerxías e esperanzas renovadas. Cursou o quinto e último tramo da licenciatura compaxinándoo con este proxecto, así coma con prácticas e colaboracións no mundo da tradución e a interpretación.

Guillermo Rosales González veu ao mundo en Pontevedra en 1989. Completou os seus estudos de secundaria no IES Sánchez Cantón, na modalidade de Bacharelato de Ciencias de la Saúde, cunha cualificación de matrícula de honra e sendo galardoado co Premio Extraordinario de Bacharelato e o Premio de Excelencia Académica. En 2007 iniciou a Licenciatura de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, coa combinación lingüística castelán-inglés-francés. No terceiro ano, emprendeu o rumbo, en calidade de estudante Erasmus, á University of Glasgow (Escocia), onde recibiu un premio na materia de francés. Ao seu regreso, iniciou o segundo ciclo da licenciatura; o último ano combinouno con materias de tradución e interpretación, e adicou parte do seu tempo a pequenas incursións no mundo profesional.

Kerri Lynn Murphy naceu en 1980 en North Platte, Nebraska (EE.UU). En 1998, completou os seus estudos de secundaria no North Platte High School con matrícula de honra e concedéronlle unha bolsa completa para asistir ao Instituto de Formación Profesional Mid-Plains Community College de North Platte durante dous anos. Tras licenciarse en Filosofía e Letras no ano 2000 con matrícula de honra, trasladouse á Universidade de Kearney (Nebraska). Durante o seu cuarto ano de estudos trasladouse a Houston (Texas) durante un semestre para facer as súas prácticas de maxisterio e en 2004 obtivo unha Licenciatura en Maxisterio con especialidades en educación secundaria, español e inglés para estranxeiros e outra Licenciatura en Tradución e Interpretación (español/inglés) coa especialidade de Relacións Internacionais. Despois de graduarse na universidade, volveu á súa vila natal para traballar como profesora de español no seu antigo instituto de ensino secundario. Alí traballou durante tres anos e, tras vivir moitas experiencias enriquecedoras, decidiu seguir os seus soños e marchou a España. Os últimos cinco anos estivo vivindo en Madrid, onde participou como Auxiliar de Lingua e Cultura en varios programas de maxisterio para o ensino do inglés. Ademais, na Comunidade de Madrid traballou en diferentes escolas públicas, privadas e concertadas, así como en varias Escolas de Idiomas, academias e programas de campamentos de verán. En 2011 decidiu perseguir o soño de obter un Máster de Tradución e Interpretación nos Servizos Públicos (TISP) inglés/español na Universidade de Alcalá de Henares, onde se lle presentou a oportunidade de colaborar coa Universidade de Vigo neste proxecto.

Manuel Folgueira Anllo naceu en Castro Ribeiras de Lea (Lugo) en 1998. Logo de cursar o Bacharelato de Humanidades, en 2016 comezou o grao de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. No curso 2016/2017 cursou o seu Erasmus na Universität Leipzig, en Alemaña. Durante o seu último curso na Universidade de Vigo (2019/2020), ademais de realizar as súas primeiras prácticas no mundo profesional, colaborou con este proxecto.

Daniel Alonso Lorenzo nado en 1999 en Ourense, cidade onde medrou. Estudou o Bacharelato de Humanidades con matrícula de honra no instituto IES Eduardo Blanco Amor e graduouse en 2017, ano no que tamén accedeu ao Grao en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, na combinación EN-ES-DE. Cursou o seu segundo ano na Cardiff University grazas ao programa Erasmus. Alí comezou os seus estudos da lingua catalá, que lle levarían a facer unha estada llingüística en València coordinada polo Institut Ramón Llull e mais a Acadèmia Valenciana de la Llengua. No seu derradeiro ano de carreira, ademais de realizar as súas primeiras prácticas profesionais cun tradutor autónomo, participou neste proxecto actualizando os contidos do portal e creando a sección de terminoloxía e de recursos.

Ana Iglesias Pérez naceu en Vigo no ano 2000. En 2018, tras finalizar o Bacharelato de Ciencias Sociais con matrícula de honra no IES Álvaro Cunqueiro, comezou os seus estudos de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, na combinación lingüística EN-ES-FR. Grazas á bolsa Erasmus+, cursou o segundo ano do grao na Dublin City University (Irlanda), onde se mergullou por completo no mundo anglosaxón. No terceiro curso do grao, traballou a tempo parcial como profesora de inglés na empresa Kids&Us. Durante o seu último curso, ademais de realizar as súas primeiras prácticas profesionais xunto a unha tradutora autónoma, colaborou con este proxecto, en concreto na actualización e optimización dos contidos da web e na creación dun sistema para (auto)avaliar as interpretacións bilaterais.

Manuela María Pequeño Leis naceu en Cee (A Coruña) en 1991. Finalizou o Bacharelato de Humanidades no IES Agra de Raíces con matrícula de honra. A súa paixón pola lectura, as linguas, as viaxes e as distintas culturas levouna a estudar o Grao de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo no ano 2009. Compaxinou os seus estudos universitarios coa participación en obradoiros de creación literaria e cursos de idiomas, tanto en España coma no estranxeiro. No seu segundo ano concedéronlle a bolsa Erasmus para estudar na University of Glasgow (Escocia). Durante o cuarto e último curso da súa titulación realizou as súas primeiras prácticas profesionais no mundo da tradución e a interpretación.

Raquel Ferrón Martínez naceu en Pontevedra en 1997. Tras cursar o Bacharelato de Humanidades e obter matrícula de honra, comezou os seus estudos no grao de Tradución e Interpretación (ES/EN/FR) na Universidade de Vigo en 2015. No segundo ano de carreira cursou o seu ano Erasmus na Université Paris Sorbonne (Paris IV) no grao de Langues Étrangères Appliquées. No terceiro ano de carreira, grazas ao programa de intercambio SICUE, estudou na Universidade de Málaga, onde tivo a sorte de participar no proxecto La traducción e interpretación de la literatura infantil y juvenil bicultural en España, coordinado por dous docentes da Facultade de Filosofía e Letras e publicado na editorial Comares. Durante o cuarto ano de carreira, realizou unhas prácticas na Editorial Galaxia como tradutora literaria e colaborou co Departamento de Tradución e Lingüística no mantemento de Linkterpreting.

Rut Guinarte Mencía naceu en Vigo en 1988. É asistente de investigación do proxecto MELINCO e, no seu momento, o foi tamén do proxecto Speak Out for Support (SOS-VICS), ámbolos dous coordinados dende a Universidade de Vigo. É licenciada en Tradución e Interpretación por esta mesma universidade (2006‑2011), con intercambios de 6‑9 meses de duración na Università degli studi di Genova (Italia), Pitzer Collage (EE.UU) e a University of Western Sydney (Australia). Posúe un mestrado en Estudos de xénero e literatura poscolonial polas universidades de Bologna (Italia) e de Hull (Reino Unido) (2013‑2015) e outro en Docencia de linguas estranxeiras pola Universidade de Vigo (2018‑2019). Pertence ao grupo de investigación BIFEGA e está interesada nas áreas da mediación lingüística (tradución e interpretación), a perspectiva de xénero e a docencia de linguas estranxeiras.

Beatriz Longa Alonso naceu en Vigo en 1986. É licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo (2005‑2010), con intercambios na Bangor University (Reino Unido) e a Western Sydney University (Australia), ademáis de Técnica Superior en Interpretación de Lingua de Signos. Posúe un máster en Lingüística Aplicada polas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela. Pertence ó grupo BIFEGA e é doutoranda no Programa Doutoral Internacional en Tradución & Paratradución cunha investigación sobre a interpretación para mulleres xordas en contextos de violencia de xénero. 

 

Para citar esta páxina web, consultar Como citar esta web?.

Facebook
Twitter
YouTube
Instagram