Autoría

Maribel del Pozo Triviño é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Irlanda e licenciada e doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo.

En 1997 fundou SPRINT, axencia de tradución e interpretación e academia de idiomas. Dende 1998 é tamén tradutora e intérprete xurada inglés-castelán. A partir do ano 2001 comezou a compaxinar a súa actividade profesional como tradutora e intérprete coa docencia universitaria. Actualmente é profesora a tempo completo na Universidade de Vigo, onde imparte materias relacionadas coa tradución e a interpretación nos servizos públicos. Impartiu, así mesmo, numerosos cursos, obradoiros e conferencias sobre diferentes aspectos da TISP e participa en proxectos de investigación vinculados a este eido. A súa investigación céntrase na tradución xurídica e xudicial, así coma na TISP. Conta con diversas publicacións ao respecto, alén de ter asistido a numerosos congresos internacionais.

Forma parte do grupo de investigación GENTT (Universidade Jaume I), tomou parte na fundación da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), forma parte integrante da Asociación de Tradutores e Intérpretes Xurados de Cataluña (ATIJC), da Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xudiciais e Xurados (APTIJ) e da Asociación Ibérica de Estudos de Tradución e Interpretación (AIETI) dende o seu inicio. Amais, forma parte de Red Comunica, Observatorio Permanente de la Tradución e Interpretación en los Servicios Públicos. Actualmente tamén é representante da Universidade de Vigo no Consello Sectorial das Migracións do Concello de Vigo.

Elena Armas López naceu en Lugo en 1989. Tras finalizar o Bacharelato de Ciencias Sociais no I.E.S. N.º 1 de Lugo con matrícula de honra, decidiu que o seu eran os idiomas e as culturas e resolveu comezar unha nova etapa da súa vida na Universidade de Vigo, estudando a Licenciatura en Tradución e Interpretación (castelán-inglés-francés). Ao terceiro ano, cruzou a Canle da Mancha a varios miles de pes de altura para establecerse en Liverpool durante un curso académico no marco do Programa Erasmus. Durante este ano na University of Liverpool concedéronselle dous premios aos méritos académicos: o Grace Brown Prize e o Spanish Translation Prize. Xa de volta en terras viguesas, emprendeu o cuarto curso con enerxías e esperanzas renovadas. Cursou o quinto e último tramo da licenciatura compaxinándoo con este proxecto, así coma con prácticas e colaboracións no mundo da tradución e a interpretación.

Guillermo Rosales González veu ao mundo en Pontevedra en 1989. Completou os seus estudos de secundaria no I.E.S. Sánchez Cantón, na modalidade de Bacharelato de Ciencias de la Saúde, cunha cualificación de matrícula de honra e sendo galardoado co Premio Extraordinario de Bacharelato e o Premio de Excelencia Académica. En 2007 iniciou a Licenciatura de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, coa combinación lingüística castelán-inglés-francés. No terceiro ano, emprendeu o rumbo, en calidade de estudante Erasmus, á University of Glasgow (Escocia), onde recibiu un premio na materia de francés. Ao seu regreso, iniciou o segundo ciclo da licenciatura; o último ano combinouno con materias de tradución e interpretación, e adicou parte do seu tempo a pequenas incursións no mundo profesional.

Kerri Lynn Murphy naceu en 1980 en North Platte, Nebraska (EE.UU).  En 1998, completou os seus estudos de secundaria no North Platte High School con matrícula de honra e concedéronlle unha bolsa completa para asistir ao Instituto de Formación Profesional Mid-Plains Community College de North Platte durante dous anos.  Tras licenciarse en Filosofía e Letras no ano 2000 con matrícula de honra, trasladouse á Universidade de Kearney (Nebraska).  Durante o seu cuarto ano de estudos trasladouse a Houston (Texas) durante un semestre para facer as súas prácticas de maxisterio e en 2004 obtivo unha Licenciatura en Maxisterio con especialidades en educación secundaria, español e inglés para estranxeiros e outra Licenciatura en Tradución e Interpretación (español/inglés) coa especialidade de Relacións Internacionais. Despois de graduarse na universidade, volveu á súa vila natal para traballar como profesora de español no seu antigo instituto de ensino secundario.  Alí traballou durante tres anos e, tras vivir moitas experiencias enriquecedoras, decidiu seguir os seus soños e marchou a España.  Os últimos cinco anos estivo vivindo en Madrid, onde participou como Auxiliar de Lingua e Cultura en varios programas de maxisterio para o ensino do inglés.  Ademais, na Comunidade de Madrid traballou en diferentes escolas públicas, privadas e concertadas, así como en varias Escolas de Idiomas, Academias e programas de campamentos de verán. En 2011 decidiu perseguir o soño de obtener un Máster de Tradución e Interpretación nos Servizos Públicos (TISP) inglés/español na Universidade de Alcalá de Henares, onde se lle presentou a oportunidade de colaborar coa Universidade de Vigo neste proxecto.

Rut Guinarte Mencía naceu en Vigo en 1988. En 2005 marchou a Londres, ao Instituto Español Cañada Blanch, onde tería o pracer de coñecer a descendentes da Galicia emigrada e onde remataría o bacharelato científico-tecnolóxico con matrícula de honra. En 2006 volveu á Galicia para cursar Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, mais no terceiro, cuarto e quinto curso, no marco de varios programas de intercambio e diversas bolsas, estudou en Italia, Estados Unidos e Australia, na Università degli Studi di Genova, o Pitzer College (Claremont Colleges) e a University of Western Sydney, respectivamente. Dende que se licenciou en 2011, e logo dalgunha experiencia tradutoril, compaxinou o seu labor como docente de linguas coa elaboración da versión en galego do presente proxecto e co seu interese pola tradución no eido do activismo social e polo feminismo.

Manuela María Pequeño Leis naceu en Cee (A Coruña) en 1991. Finalizou o Bacharelato de Humanidades no I.E.S. Agra de Raíces con matrícula de honra. A súa paixón pola lectura, as linguas, as viaxes e as distintas culturas levouna a estudar o Grao de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo no ano 2009. Compaxinou os seus estudos universitarios coa participación en obradoiros de creación literaria e cursos de idiomas, tanto en España coma no estranxeiro. No seu segundo ano concedéronlle a bolsa Erasmus para estudar na University of Glasgow (Escocia). Na actualidade cursa o cuarto e último curso da súa titulación e realiza as súas primeiras prácticas profesionais no mundo da tradución e a interpretación.